Wednesday 08 de May de 2024

Mónica Cibreiro mostrará os segredos da repostaría no “Tempos para compartir” de abril


O obradoiro ofrece 15 prazas
Mónica Cibreiro é unha das habituais do programa “Tempos para compartir”. Desde que comezase o proxecto xa leva impartidos varios obradoiros que sempre son un éxito polo que atraen e por cantas cousas se aprenden neles. A súa especialidade é a repostaría creativa, un campo que domina malia ser autodidacta e no que destaca tanto polo sabor de todo o que fai como pola importancia que lle dá ao detalle na aparencia final. Mónica fai cousas espectaculares para o padal e para a vista a partes iguais, e o sábado 6 de abril volverá ensinarnos receitas e trucos cos que podermos facer nós tamén tortas abraiantes. Será no local social de Santa Mariña do Monte a partir das 17.00h. As prazas son limitadas e hai que apuntarse antes do día dous chamando ao 981 490 027.

Tempos para compartir é unha iniciativa da área de Igualdade de San Sadurniño concibida como un punto de intercambio de coñecementos e como un punto de encontro entre a veciñanza a través de obradoiros nos que se pode aprender de balde case calquera cousa.

Para organizar un Tempos… só fai falla unha persoa voluntaria que queira ensinarlle a outras persoas algunha cousa que saiba. A materia en cuestión debe poder condensarse a xeito de introdución en arredor dunha hora e media ou dúas. O Concello tamén pide que non sexan necesarios materiais demasiado caros e que a actividade se poida desenvolver de forma participativa, aínda que isto non é imprescindible.

Con estas premisas xa se teñen feito ducias de obradoiros cun protagonismo case indiscutible de todos aqueles relacionados coa alimentación -hóuboos de de pan, de turróns, de madalenas, de bombóns, etc.-, aínda que o Tempos para compartir tamén ofreceu sesións sobre cámaras deportivas, sobre elaboración de xabóns e deterxentes, de cestaría, e doutras materias máis próximas ás manualidades que á cociña.

Outro dos obxectivos do Tempos… é que os coñecementos adquiridos teñan algún tipo de aplicación práctica na vida diaria. E, sen dúbida, o próximo que hai programado cumpre de sobras con esta finalidade. Nel aprenderemos a facer e decorar tortas con Mónica Cibreiro.

Os ingredientes, o material necesario, as temperaturas de cocción, as esencias que acentúan sabores… todo o que hai que saber, en definitiva, para agasallar o padal en aniversarios ou calquera outra celebración, incidindo especialmente na preparación de coberturas e en distintas propostas de decoración.

Para este obradoiro de Tempos para compartir ofértanse 15 prazas que se cubrirán por orde de petición a través do 981 490 027, aínda que se lle dará prioridade a persoas empadroadas en San Sadurniño. Trátase dunha actividade gratuíta que se desenvolverá no local social de Santa Mariña o sábado 6 de abril a partir das 17.00h. O último día para apuntarse é o martes 2.